Saturday 27 de April de 2024

O PSdeG insta a Goretti Sanmartín a rectificar, acudir á ofrenda do Apóstolo e a “non escudarse nun acto que implica a terceiros e non conta con consenso”


O portavoz dos socialistas en Santiago, Gonzalo Muíños afeoulle á alcaldesa que non asuma “que agora representa a todos e todas as veciñas” ao contrario que Encarna Otero, que acudiu á ofrenda sendo tenente de alcalde.

Bernardo Fernández lamenta “que para xustificarse se organice un evento para contraprogramar e poñendo nunha situación moi incómoda ás persoas que poidan recibir ese recoñecemento.

Desde a xestora do PSdeG, Marta Álvarez pídelle “institucionalidade” , “amplitude de miras” e “que aplique o que tanto predica: consenso e diálogo para que todos participemos no acto de homenaxe que quere facer”.

O Partido Socialista endureceu hoxe o tono ante a actitude “pouco dialogante” da alcaldesa de Santiago á que acusan de “contraprogramar” á ofrenda do Apóstolo, creando un acto que “usa de escusa” para “tapar a súa ausencia”. Gonzalo Muíños lamentou que Goretti Sanmartín “non asuma a responsabilidade que implica o cargo de alcaldesa” como “representante de todas e todos os veciños, tamén os que non a votaron”.

En este sentido, o portavoz do PSdeG en Santiago trouxo a colación a outra “gran referente do BNG de Santiago como foi Encarna Otero”, quen “si actuou de alocaldesa accidental en 2001 cando Sánchez Bugallo tivo que exercer de delegado rexio”. De feito, Muíños recuperou unhas declaracións que Otero fixera en aquela época nas que xustificaba a súa presencia ao acto explicando que asumía “con responsabilidade e con todas as consecuencias as funcións que comportan o meu papel institucional, aínda que non coincidan co meu ideario político”.

Tamén Bernardo Fernández insistiu en que a ofrenda ao Apóstolo “ten un compoñente que vai máis aló do relixioso, que é cultural e de tradición”, afeándolle á alcaldesa que “pretenda impoñer unha visión determinada de como deben ser as institucións, baseada nunha visión persoal”.

“Cando te convidan a calquera tipo de actos, o fan na túa condición de alcalde, non de xeito particular, polo que as crenzas que poidas ter ou non, deberían estar ao marxe” explicou o secretario provincial do PSdeG en A Coruña, deixando claro que unha alcaldesa debe representar a todos os veciños “á xente practicante, á crente e non practicante e a xente que non o é”.

“Pedímoslle amplitude de miras e institucionalidade”

Marta Santullano que exerceu de voceira da xestora do PSdeG en Santiago pediulle a Sanmartín “institucionalidade” e recalcoulle que o que se lle presenta agora é “unha oportunidade para ser a alcaldesa de Santiago e por en práctica o que tanto predica: consenso e diálogo co resto de forzas políticas e con toda a sociedade compostelá”.

Lamentando unha actitude que, desde as filas socialistas están “convencidos” de que non vai a ser a única, Bernardo Fernández afeoulle a Sanmartín que “para xustificarse organice un acto que contraprograma a ofrenda e pon nunha situación moi incómoda ás persoas que poidan recibir esa homenaxe”.

Un acto que amosa aos ollos do secretario provincial unha falta de valentía: “cando tes que organizar outro evento para desculparte é que sabes que precisas dunha coartada e estás empregando a terceiros para xustificarse”. Tamén Muíños cualificou de “lamentable” que “persoas e institucións merecedoras deste recoñecemento sexan utilizadas de escudo político e se vexan inmersas en este tipo de polémicas por unha actitude irresponsable da alcaldesa, que intenta tapar con este acto o seu plantón á ofrenda do Apóstolo”.